Quen conta os votos e quen o vixía: do reconto na mesa ao resultado oficial
Os votos cóntanse en cada mesa, en público e en voz alta. Esa mesma noite o Ministerio do Interior dá un resultado provisional, e o oficial fíxano as xuntas electorais provinciais a partir do venres 4 de decembro. En cada paso hai xuíces, interventores e actas asinadas.

O 29 de novembro pola noite verás como avanzan os resultados en directo. Detrás hai un proceso con varias capas de control, que comeza en cada unha das mesas electorais e remata coa publicación do resultado oficial no BOE.
1. O reconto na mesa, en público
Ás 20:00 péchase a votación (poden votar quen xa estea no colexio), votan os membros da mesa e ábrense as urnas. A partir de aí:
- O reconto é público: calquera persoa pode estar presente, e non se pode interromper ata contar todos os votos.
- Cóntase primeiro o Congreso e despois o Senado.
- Quen preside a mesa saca os sobres un a un, le en voz alta cada papeleta e ensínalla aos vogais, interventores e apoderados.
- Os votos en branco e os nulos cóntanse á parte. As papeletas nulas ou discutidas non se destrúen: asínanse e gárdanse.
- Se alguén ten dúbidas sobre unha papeleta, pode pedir que se examine. A mesa resolve as protestas por maioría e anótaas.
2. As actas, asinadas e con copia
Ao rematar, a mesa enche as actas, que asinan os seus membros e os interventores:
- A acta de escrutinio, cos votos de cada candidatura. O orixinal colócase na entrada do colexio, á vista de todos.
- A acta de sesión, coas incidencias, as protestas e como se resolveron.
- As candidaturas reciben copia das actas: así cada unha pode comprobar despois que os datos oficiais coinciden co que se contou en cada mesa.
A documentación orixinal entrégase esa mesma noite no xulgado, en sobres pechados.
3. O resultado da noite: provisional
Unha primeira copia da acta de escrutinio vai para o representante da Administración que hai en cada colexio, que transmite os datos para que o Ministerio do Interior difunda o escrutinio provisional. É o que se ve en directo a noite electoral, tamén no noso reconto.
É un resultado informativo, sen validez xurídica, e non inclúe o voto dos residentes no estranxeiro. Adoita ser moi preciso, pero o oficial é o seguinte.
4. O escrutinio xeral: o resultado oficial
O quinto día despois da votación, este ano o venres 4 de decembro, as xuntas electorais provinciais fan o escrutinio xeral nun acto público:
- Traballan coas actas orixinais de cada mesa, non cos datos provisionais.
- Suman o voto dos residentes no estranxeiro.
- Só poden corrixir erros materiais ou de suma; non poden anular actas nin votos.
- Os representantes das candidaturas poden presentar reclamacións, que a xunta resolve e, se se recorren, a Xunta Electoral Central.
- Teñen que rematar como tarde o oitavo día despois da votación (o 7 de decembro). Despois, proclaman os elixidos.
A Xunta Electoral Central publica os resultados oficiais no BOE nos corenta días seguintes. Contra a proclamación cabe aínda un recurso ante os tribunais.
Quen o vixía
- As xuntas electorais. A Xunta Electoral Central fórmana oito maxistrados do Tribunal Supremo, elixidos por sorteo polo Consello Xeral do Poder Xudicial, e cinco catedráticos de Dereito ou de Ciencias Políticas e Socioloxía propostos polos partidos con representación no Congreso. As xuntas provinciais e de zona tamén teñen xuíces e maxistrados entre os seus membros.
- Os interventores. Cada candidatura pode ter ata dous en cada mesa. Asisten a todo, falan nas deliberacións (sen voto), presentan protestas e reciben copia das actas.
- Os apoderados. Representan a súa candidatura e poden entrar en todos os colexios, presenciar a votación e o reconto, e facer reclamacións.
- As propias mesas, formadas por cidadáns elixidos por sorteo entre os veciños de cada sección, como explicamos en mesa electoral.
Podo ir ver o reconto da miña mesa?
Si. O reconto na mesa é público. Hai que respectar a orde da mesa: o público non pode presentar protestas durante o reconto.
Por que cambian algúns escanos días despois?
Porque o escrutinio xeral suma o voto desde o estranxeiro, que non entra no reconto da noite. Cando unha provincia está moi igualada, eses votos poden mover un escano, como pasou en Madrid en 2023.
Onde se publica o resultado oficial?
No BOE, pola Xunta Electoral Central. Antes, cada xunta provincial proclama os electos da súa circunscrición.
Fontes
- Lei orgánica 5/1985 do réxime electoral xeral: artigo 9 (Xunta Electoral Central), artigos 76 a 79 (apoderados e interventores), artigos 95 a 108 (escrutinio nas mesas e escrutinio xeral)
- Ministerio do Interior e Xunta Electoral Central: manual de instrucións para os membros das mesas electorais (eleccións xerais de 2023), en castelán
- La Moncloa: guía básica sobre as eleccións xerais do 29N, en castelán
- Consello Xeral do Poder Xudicial: designación dos vogais xudiciais das xuntas electorais provinciais para o 29N, en castelán
Viches un erro ou un dato desactualizado? Escríbenos e corrixímolo.


